A opinión dos docentes...non conta?

7 sept 2011

Son os profesores

Ernesto S. Pombo

Data de publicación:
Mércores 07 de setembro de 2011. La Voz de Galicia (opinión)
Á  fin descubrimos aos causantes desta crise que nos ten consumidos. Tardamos, pero o pescudamos. Son os profesores. Os profesores deste país noso están a levarnos á ruína. E, ou os pomos no seu sitio, ou acaban connosco. Todos estamos a arrimar o ombreiro, sacrificándonos, os bancos reducindo beneficios, as súas señorías sen vacacións, e eles néganse a traballar un par de horas máis.
Se non fose por Esperanza Aguirre, por Ana Botella e por Núñez Feijoo, os profesores deste país levaríannos á bancarrota. Que a punto estiveron de facelo. Pero estes, que llas saben todas, descubriron que só traballan vinte horas á semana. Porque iso de preparar as clases, corrixir exames, as gardas e os claustros é un camelo. É coma se alguén carga ao seu horario laboral andar percorrendo as televisións para dicir o ben que lle van as cousas.
Criamos que esta crise a provocou o capital. Pero estabamos errados. Foron os profesores. Por iso hai que metelos en vereda, que non dan golpe. E a partir de aí, todo nos irá moito mellor. As bolsas, os mercados, o paro e a prima de risco.
E é que aquí temos o costume de empezar a casa polo tellado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario