A opinión dos docentes...non conta?

22 sept 2011

UNIÓN E FORZA

 Rosa Enríquez

Publicado en La Región o 22.09.2011


Unha vez máis, José Manuel Pinal, director xeral de Centros e Recursos Humanos, se enche de gloria -enténdase a ironía- coas súas declaracións ao respecto do profesorado e da convocatoria de folga do mércores. Se hai uns días deixaba caer que non se traballa nos centros de ensino, onte volveu á carga. Como? Falseando datos. Así é que, coa parsimonia de quen está por riba do ben e do mal, afirmou que a meirande parte dos docentes non secundou a folga porque -atención ao que segue- “entende as medidas da Consellaría”. É máis, segundo el o ve -visión esta parcial e interesada, obviamente- este sector do profesorado sabe que é preciso “loitar todos xuntos pola calidade do ensino”. Ante isto, vémonos na obriga de cuestionar a capacidade de Pinal para interpretar a realidade actual que, malia que lle desagrade, é tozuda, pois o profesorado galego púxose en pé. Hai moitos anos que non se vía tal unión nos centros de ensino. Mesmo os sectores máis conservadores dos claustros están molestos e participan nas protestas. Talvez tardasen máis en reaccionar ante os recortes, talvez sentiron medo, pero, como din por aí, xa pasou.

Así é que a Pinal esgótaselle o recurso do vitimismo. Non poderá continuar co seu labor de descrédito. As familias comezan a espertar. Pouco a pouco van comprendendo que a intención “oculta” da consellaría -aínda que para nós resulta evidente- é desmantelar o ensino público. Máis alumnos por aula. Profesores ou profesoras do ámbito de ciencias sociais, por exemplo, impartindo matemáticas ou bioloxía, e, porque non dicilo, un novidoso, absurdo e sorprendente servizo de coidadores que implica “recoller” ao “alumnado transportado”, algo que vai en detrimento da autonomía da rapazallada e, consecuentemente, resulta antipedagóxico, na medida en que atorda as mentes, no canto de as espertar. Educar, formar ou comprender é unha cousa. Vixíar, outra ben diferente. Para iso hai profesionais especializados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario