A opinión dos docentes...non conta?

29 sept 2011

ENSINO PRIVADO

Rosa Enríquez

Publicado en La Región o 29.09.2011

Hai nos colexios privados un alumnado, preferentemente, atento. Interesado polas explicacións da profesora, preocupado polo horario de estudo e inquieto polas dúbidas ou os controis. Tamén, e moi importante, ansioso por deixar ver o que sabe e formular preguntas interesantes, desas que sorprenden, e mesmo deslumbran, aos adultos, non só polo inusitado do seu carácter mais pola agudeza. Competitivo e sagaz, o 'protoalumno' asume como inevitábel unha concepción vital profundamente determinista que parte dunha premisa moi clara: non é que non sexamos todos iguais, é que non podemos selo. Ten que haber médicos e mecánicos, ricos e pobres, sabios e ignorantes. Sempre foi así e así ha seguir sendo. Daquela, a pregunta que se lle formula a estes adolescentes de ollos penetrantes é a seguinte: ti de que lado queres estar? Evidentemente, do lado das comodidades, isto é, do poder económico.

A partir dese momento, séntese a satisfacción nesas mentes vulnerábeis que, a pesar do engano implícito na pregunta, obviamente capciosa, rematan por asumir a situación de seu: son privilexiados. Así é que, por pertencer a esta 'caste social', teñen acceso a diversas actividades que, no caso destes centros privados, non son extraescolares, mais extraordinarias: solfexo, piano, guitarra, patinaxe, teatro, canto, baloncesto, danza clásica, alemán etc. Calidade de ensino, que diría Jesús Vázquez, ou Pinal. Que satisfacción para os pais e nais ter unha filla ben espelida, isto é, quatrilingüe, elástica, medio pianista ou actriz e sabia. O caso é que isto ten un prezo difícilmente asumíbel pola clase traballadora -a maioritaria, non o esqueza o conselleiro- que lamentabelmente, se ve na obriga de envíar aos vástagos a colexios públicos con profesorado insuficiente e medios moi precarios. Dúas realidades ben diferentes que representan a paulatina desaparición da clase media coa consecuente segregación social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario