A opinión dos docentes...non conta?

11 sept 2011

A educación en galego, primeira vítima da tesoirada da Xunta

Cada día váiselles vendo máis o plumeiro. Despois de aforrar en profesores, agora "lo más prescindible es el gallego".



Editorial do Xornal.com do 10.09.2011

A Xunta de Galicia amosou hoxe as súas cartas. O Goberno de Alberto Núñez Feijóo deu o primeiro paso da súa anunciada tesoirada de 129 millóns de euros nos orzamentos deste ano –segundo Feijóo polo "incumprimento" do financiamento autonómico por parte do Estado, que non ingresará 805 millóns de euros nas contas da comunidade– ao anunciar no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas disposicións para deixar "sen efecto" as convocatorias de axudas que promovían a promoción e edición de libros en galego. En concreto, as entidades locais deixaran de percibir 420.000 euros para promocionar o uso do galego e os editores perderán 400.000 euros en subvencións para recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ou o que vén sendo o mesmo, para publicar os libros de texto en galego.
A Xunta volveu amosar o seu xeito de facer as cousas, xogando ao escondite e ás caladas pois, segundo critica o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, non houbo "comunicación oficial" das medidas que pensaba tomar a Xunta. Tras darse a coñecer o anuncio a través de internet –que aínda que o pareza non está ao alcance de todos os cidadáns–, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, xustificou a decisión: "Nestes momentos é necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gastos que conforman o orzamentos". Se ben é certo que a crise obriga a algúns recortes, é rechamante que a primeira partida que a Xunta cre prescindible sexa para potenciar o uso do galego, tanto de cara á sociedade en xeral coma nos propios centros educativos.
A xuízo de Bragado, o recorte resulta "inconcibible", porque vai ir contra a calidade do sistema educativo galego e é un duro golpe para as editoriais, que fan importantes esforzos por ofrecer libros de texto en galego a profesores e alumnos. Os problemas xerados polas decisións da Xunta suman e seguen pois hoxe mesmo tamén saíron á rúa os profesores chamados polo BNG, o PSdeG e os seis sindicatos con representación na educación galega. Segundo a organización, ata 15.000 docentes recorreron as rúas de Santiago ata a sede da Administración autonómica en San Caetano para protestar contra os recortes "na educación pública" e a ampliación do seu horario –xa que á hora de programar non se ten en conta que ademais das horas consideradas lectivas hai moito máis traballo–. Ademais, coa reordenación se perderán arredor de 1.000 postos de traballo, o que precarizará a atención a cada alumno.
O primeiro punto de mira de Feijóo está a ser a educación e máis particularmente en galego, pero a Xunta debería ter en conta que si queremos saír da crise e evitar recaer nestas situacións no futuro a formación é fundamental. Recortar en educación non deixa de ser unha aposta pola máxima pan para hoxe e fame para mañá. Que os nosos mozos adquiran competencias en distintas materias con calidade e profesionalidade é preciso para asegurar que a sociedade contará no futuro coa suficiente formación para saír adiante. No caso do galego, a persecución foi constante dende que o PPdeG chegou ao poder, se ben se as políticas seguen por este camiño rematarán coa lingua propia da comunidade, que debería entenderse como un patrimonio distintivo e non como un estorbo, pois segundo un informe recente tan só o 40% da mocidade di utilizar o galego nalgún momento na súa vida cotiá. Cando miles e miles de voces se erguen en contra dunha política, quizais é que esa decisión non foi de todo acertada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario