A opinión dos docentes...non conta?

1 sept 2011

FINLANDIA


Autora: Rosa Enríquez.
Publicado en La Región. Xoves, 1 de setembro de 2011.



Volve setembro e, xa de paso, volve á memoria o conflito existente entre os sindicatos e a Consellaría de Educación. Daquela, aparece no horizonte a figura de Jesús Vázquez, a folga e o descontento xeral. A verdade é ben triste que a base que sustenta a nosa sociedade estea nesta situación.

Por iso, a reflexión ten de ser seria. Debemos pensar nas vítimas deste conflito: os/as nosos/as pupilos/as. Pensemos neles/as e preguntémonos se suspender é un acto voluntario por parte do alumnado máis despreocupado ou depende doutros factores. Sexamos entón consecuentes e vexamos, sen temor, que un destoutros factores non é tanto o profesorado, como se podería imaxinar, mais a familia e, en consecuencia, o Estado.

O tema é delicado. Iso ninguén o cuestiona. Tan delicado é que dá toda a impresión de que non somos quen de solventarmos o problema do fracaso escolar ao que nos enfrontamos e que, obviamente, vai unido ao escaso apoio que se recibe da Consellaría de Educación. Daquela, podería ser interesante que tomásemos boa nota do que sucede, por exemplo, en Finlandia. Neste país, cuxo sistema educativo está considerado un dos mellores do mundo, a preocupación polo ensino é prioritaria. Eis a gratuidade de seu, pois ofrece, ademais das clases, servizo de comedor e sanidade. Así é que contan con médicos e enfermeiras. Tamén con psicólogos.

Por outra banda, a ratio alumno-profesor é menor. De feito, pode haber até dous mestres/as na mesma aula. Ademais disto, as familias están verdadeiramente implicadas no proceso educativo, pois asumen, sen vitimismo algún, que a educación non depende únicamente dos centros. Daquela, existen axudas que permiten ás nais e aos pais a conciliación traballo-familia, de xeito que poidan dispór do tempo necesario para atenderen aos cativos/as. Todo isto sucede porque Finlandia é, en si mesma, unha sociedade madura que non contemporiza coa picaresca. Sábese que educar é un traballo que debe realizarse conxuntamente na medida en que dese proceso depende o futuro do país. Talvez por esa razón se valora e respecta ao profesorado. Vázquez debería pensar nisto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario